Vedas do marisco en Galicia para o ano 2019
ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019
Nesta orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.
A través dos plans desenvólvese o sistema de coxestión dos recursos marisqueiros entre a Administración e o sector.
O mecanismo de elaboración do plan xeral permite ás entidades asociativas do sector a participación activa na xestión dos recursos marisqueiros mediante a presentación de plans de explotación para as autorizacións e para as zonas de libre marisqueo nas que procuran unha mellora da explotación con respecto ás normas xerais de libre marisqueo. Adquiren especial relevancia as actividades de semicultivo e rexeneración, control e vixilancia que prevén os plans de explotación, elemento fundamental para a recuperación e mellora das zonas produtivas.
O marisqueo, exercido a través dos plans de xestión, axústase a unha perspectiva sistémica axeitada na medida en que mellora a biodiversidade, fomenta o uso axeitado do territorio, pode contribuír a minorar ou adaptarse ao cambio climático, e se axusta ao concepto de infraestrutura verde (ou azul no caso de medios acuáticos). O marisqueo, a través dos plans de xestión, responde ao concepto de infraestrutura verde na medida en que favorece ou mantén os servizos ecosistémicos, aplica a restauración ecolóxica, e mellora a conectividade.
A Orde regula, así mesmo, e como medida para unha mellor conservación, os períodos autorizados para a extracción dos diferentes crustáceos, tendo en conta os datos científicos dispoñibles.
As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. De igual xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.
As entidades asociativas do sector, no ámbito dos plans de explotación marisqueira, poden reservar zonas nas que as persoas titulares de licenzas marítimas de pesca recreativa poidan capturar ata 50 poliquetos ao día, sempre que non interfiran coa actividade marisqueira.
As zonas reservadas polas entidades para esta actividade estarán publicadas na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos, e poderán ser actualizadas durante este ano.
Especie | Períodos autorizados para o ano 2019 |
---|---|
Períodos publicados no Diario Oficial de Galicia | |
Nécora (Necora puber): | De 1 a 5 de xaneiro e de 1 de xullo a 31 de decembro. |
Lumbrigante (Homarus gammarus): | De 1 de xaneiro a 31 de marzo e de 1 de xullo a 31 de decembro. |
Langosta (Palinurus elephas): | De 1 de xaneiro a 30 de setembro. |
Santiaguiño (Scyllarus arctus): | De 1 a 5 de xaneiro e de 1 de outubro a 31 de decembro |
Cangrexo (Carcinus maenas): | Todo o ano. |
Conguito (Macropipus corrugatus): | Todo o ano. |
Patulate (Macropipus depurador): | Todo o ano. |
Ver a orde completa