Artigos

imprimir

Vedas do marisco en Galicia para o ano 2017

Plan xeral de explotación marisqueira e os plans de xestión de recursos específicos para o 2017

Os plans de xestión de recursos marisqueiros do 2017 incluirán por primeira vez información de valor ambiental

  • Estes datos contribuirán á consecución do bo estado ambiental dos ecosistemas mariños, son de relevancia para o coñecemento do estado dos recursos e do medio mariño e encádranse nos descritores definidos pola Directiva Marco da Estratexia Mariña
  • Por primeira vez e, ante a necesidade de aglutinar a actividade dos recursos específicos, o DOG publica os plans de xestión de recursos específicos de xeito independente do plan xeral de explotación marisqueira
  • A través das dúas ordes publicadas Mar aproba 226 plans de explotación de recursos marisqueiros, 21 máis que no ano 2016

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres 30 de decembro de 2016 dúas ordes polas que se aproban estes plans, unha do plan xeral de explotación marisqueira e outra dos plans de xestión de recursos específicos (especies coma o percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anémonas e poliquetos) para o 2017. A través delas, a Consellería aproba un total de 226 plans, 21 máis que no ano 2016.

Os plans de xestión de recursos marisqueiros do 2017 incluirán por primeira vez información ambiental estandarizada de toda a costa galega. Estes datos obtéñense das mostraxes e do coñecemento do medio que posúe o persoal técnico da costa galega, contribuirán á consecución do bo estado ambiental dos ecosistemas mariños e son de gran valor para o coñecemento do estado dos recursos e do medio mariño.

Estes documentos establecen o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e informes científicos dispoñibles. Fano mediante unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.

A información ambiental dos plans pode ser entregada polas confrarías de pescadores á Administración ao longo do ano da vixencia dos plans e inclúese co obxectivo de coordinar as planificacións de traballo das confrarías segundo a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña, establecida pola Unión Europea. De feito estes plans son o resultado dun estudo continuado da evolución dos recursos e do hábitat. Ademais poden encadrarse nas actuacións de protección e recuperación da biodiversidade contempladas no Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Por primeira vez o DOG publica os plans de xestión de recursos específicos de xeito independente do plan xeral de explotación marisqueira, atendendo ao establecido na orde pola que se regula a extracción dos recursos específicos (publicada no DOG o 21 de xaneiro de 2016) e ante a necesidade de aglutinar todos os aspectos relativos a esta actividade. Unha necesidade que vén dada pola consolidación social e económica da explotación dos recursos específicos, polas peculiares características da súa extracción e polo nivel de organización dos diferentes colectivos.

Plan xeral de explotación marisqueira

A orde do plan xeral de explotación marisqueira para o 2017 contempla os plans de marisqueo a pé e dende embarcación. A través dela apróbanse un total de 93 e deles 45 son de autorizacións administrativas e 48 para as zonas de libre marisqueo.

As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse no seu momento a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. Do mesmo xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

Recursos específicos

En relación á orde dos recursos específicos, a través dela a Consellería aproba un total de 133 plans de xestión. Estes plans son a ferramenta para unha explotación sostible e conservación dos recursos mariños e integran aspectos biolóxicos, sociais e económicos. A través deles desenvólvese o sistema de coxestión dos recursos marisqueiros entre a administración e o sector.

Dos plans aprobados, 35 son de percebe, 18 de equinodermos, 24 de solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), cinco son de peneira, 20 de algas, 9 de anemones e 22 de poliquetos. No caso do equinodermo holoturia Holothuria forskali, coñecido popularmente en Galicia como carallo de mar, para o ano 2017 a Consellería do Mar aprobou dous plans de xestión máis, correspondentes ás confrarías de Aldán e Vigo. Estes súmanse aos das confrarías da Coruña-Barallobre, Cangas e O Grove.

Nos crustáceos, pola contra, establécense os seguintes períodos de capturas autorizados para 2017:
EspeciePeríodos autorizados para o ano 2017
Períodos publicados no Diario Oficial de Galicia
Nécora (Necora puber): De 1 a 5 de xaneiro e de 2 de xullo a 30 de decembro.
Lumbrigante (Homarus gammarus): De 1 de xaneiro a 31 de marzo e de 2 de xullo a 30 de decembro.
Langosta (Palinurus elephas): De 1 de xaneiro a 30 de setembro.
Santiaguiño (Scyllarus arctus): De 1 a 5 de xaneiro e de 1 de outubro a 30 de decembro
Cangrexo (Carcinus maenas): Todo o ano.
Conguito (Macropipus corrugatus): Todo o ano.
Patulate (Macropipus depurador): Todo o ano.
Engadimos aquí un enlace ao doga no que se regulan os devanditos períodos.
Ver a orde completa